UN PULO MÁIS CONTRA A BARBARIE

En xuño de 2007 publicabamos unha pequena columna na Voz de Galicia, “Bestas”, expoñendo o problema e agradecendo a Audiencia de Galicia a apertura de dilixencias contra estes desaprensivos. Esta práctica foi denunciada por diversos colectivos sociais e ecoloxistas, do que se fixo eco a prensa en diversas ocasións. Sen embargo, pasado o tempo, seguen atopándose no monte cabalos con estas pexas. Únete a esta loita xusta a través dos enlaces que compartimos ao pé desta páxina.

por javier montero; La Voz de Galicia/ xuño 2007

BESTAS

Leo neste xornal que o fiscal da Audiencia Provincial, Benito Montero Prego, vén de iniciar unha investigación para identificar aos desaprensivos que colocan trancas nas patas dos cabalos co fin de reducir a súa mobilidade. Estes foron tristemente protagonistas na vaga de incendios que asolou Galicia o pasado verán, pois non puideron escapar do lume e ducias deles morreron queimados. Di a noticia que esta práctica provoca profundas feridas nos animais, e que amplos sectores da sociedade galega mostraron a súa satisfacción pola apertura de dilixencias contra estes “señores”, o cal nos enche de satisfacción e nos reconcilia, se cadra, co xénero humano, aínda que as bestas non sexan os cabalos.

Sobran oportunidades para que os galegos mostremos as nosas miserias, pero penso que esta vez non se trata de maldade, insensatez ou loucura, con todos os meus respectos aos que padecen esta última, senón simplemente de estupidez, presumindo ademais que serán poucos os que a sufran, ou non? Xa me dirán vostedes, senón, a quen se lle pode ocorrer infundir semellante tormento só para que os cabalos non fagan de cabalo, ou sexa, non troten nin se empinen, e só relinchen por causa da dor que lle propician estes perversos enxeños. Dicía un dos personaxes da popular novela La sombra del viento que a maldade supón unha predeterminación moral, intención e certo pensamento. O imbécil ou bárbaro non se para a pensar nin a razoar, actúa por instinto (…).

Creo que escribín algunha vez que o galego viviu sempre en respectuosa comuñón coa natureza. Con todo, ante as ducias de vertedoiros nos nosos montes, as cañerías escupindo deterxente aos regatos, o cemento invasivo, o río baixando de todas as cores, os lumes, a tala indiscriminada de árbores, a caza furtiva, as trampas envelenadas…, e agora isto dos cabalos, quizais teña que me retractar ou alomenos preguntarme se esta non será máis que unha cega esperanza ou unha forma eufemística para enmascarar o noso desprezo e condición depredadora. Do que si estou seguro é que somos moitos os que lle queremos agradecer ao fiscal Benito Montero a súa preocupación para rematar coa impunidade desta forma de salvaxismo, idiotez e necidade. Noraboa.

http://www.liberaong.org/nota_campanas.php?id=16

http://www.senpexas.info

http://www.change.org/es/peticiones/diputados-as-apoyen-la-iniciativa-contra-los-caballos-con-cepos