ROSETÓN DA ARMENTEIRA. O RESPLANDOR DE DEUS

36889504

javi montero/La Voz de Galicia/ marzo de 2005

 No magnífico rosetón da Igrexa de Santa María de Armenteira sintetízase a simboloxía do círculo coa poética da luz, dous conceptos fundamentais da filosofía cristiá

Cansos de tanto luxo e pomposidade, os cistercenses propugnaron a volta á vida ascética do antigo espíritu monacal. O bo de San Bernardo, abade do mosteiro de Claraval e firme opositor doutros cenobios como Cluny ou Saint-Denis, cuxos abades gostaban de reunir ricos tesouros ou decorar as igrexas con coloristas composicións, loitou sen descanso pola limpeza dos templos, pois tanto ornato, tanta imaxe pintada ou esculpida, tanto capitel historiado, tanto animal fantástico ou tanta escena subida de tono por moi moralizante que fose, era demasiado tentador para os xoves monxes que se abandonarían á contemplación de tales veleidades en lugar de meditar a lei de Deus.

Pero unha cousa é a iconoclastia militante e outra facer arquitecturas pobres, desprovistas da poderosa presenza que aínda hoxe nos sobrecolle. Unha cousa e o afastamento da parafernalia e as vaidades do mundo e outra o equilibrio, a riqueza formal e o trasfondo simbólico co que en realidade se erixían os nosos templos medievais. Cuestión de sutilezas.

Dende a antiguedade o círculo considerouse a figura xeométrica perfecta, noción de centro, imaxe do cosmos, asociado á visión cíclica do mundo, á eternidade e á perfección. Moitos destes valores significativos presentes en culturas como a exipcia, as filosofías orientais ou o propio platonismo, foron aceptados polo cristianismo, que fixo da forma circular unha metáfora do Creador e do Ceo. Dende entón a figura do círculo será unha constante na arte relixiosa. “Deus e o centro do Universo” e por iso se representa entronizado, inserto nun círculo, rodeado dos seus evanxeístas. O propio emblema da divindade, o Crismón, é un círculo que encerra a Ji (X) e a Ro (P), que son as letras iniciais do seu nome (Xristos), sen esquecer, por exemplo, a forma da hostia na liturxia.

Na arquitectura o círculo será un referente ineludible. Tomando a traza dos mausoleos romanos algúns templos debuxarán un círculo perfecto, como a igrexa de Santa Constanza de Roma (s. IV) ou a capela de Carlomagno en Aquisgrán, por poñer só dous exemplos moi coñecidos. Da esfera derivará a planta octogonal, que é a figura xeométrica intermedia entre o círculo e o cadrado. Lembro, por exemplo, a igrexa navarra de Eunate ou o fermosísimo templo da Veracruz en Segovia.

Na cultura china ou na hindú o cadrado evocaba o espacio terreal, o mundo do material e do imperfecto. Na arquitectura cristiá os volumes cúbicos das naves contrapóñense as formas esféricas das ábsidas, as bóvedas ou as cúpulas, que non son máis que a metáfora pétrea da bóveda celeste, símbolo do ascenso do mundo terreal ó reino celestial de Deus.

Do círculo emana a luz que ilumina o interior do templo. Dende o principio dos tempos a luz simboliza a forza enerxética esencial, o Principio xerador, símbolo da verdade, a sabedoría e a fe. O cristianismo recolle e enriquece moitos destes significados. Coma fonte de vida, na biblia sempre é unha manifestación da Divindade, que se contrapón á noite, símbolo do pecado e da morte. Cando Deus creou o mundo “fíxose a luz”, do mesmo xeito que María recibiu a Anunciación cun raio luminoso. A Igrexa debe ser testemuña da eterna sabeduría de Deus, porque é a súa luz a que guía ás xentes, as afasta das tebras do pecado e as conduce á salvación: “Nel estaba a vida/ e a vida era a luz dos homes”…(Xn. 1, 4).

Todas estas ideas materialízanse por medio do rosetón. Aínda que hoxe nos pareza estraño estas e outras moitas reflexións teolóxicas tíñanse moi en conta á hora de proxectar as nosas arquitecturas medievais. O rosetón románico non é máis que un feliz precedente desa poética da luz que chegaría a súa máxima expresión nas fastuosas catedrais vidriadas do gótico ou no fulgor místico da imaxinería barroca. Na arte e na arquitectura histórica todo encerra un fondo significado. En moita da arquitectura actual non sei se hai moita luz ou moito iluminado.

**********************

O da Armenteira é un dos poucos rosetóns galegos que aínda conservan a súa tracería medieval. Segundo os historiadores, arredor do ano 1150 o mosteiro incorpórase á orde do Cister e comézase a edificar a igrexa, que se consagraría á Virxe María, coma o resto das igrexas cistercenses. A construción do rosetón correspondería a unha segunda etapa na edificación do templo, que comprendería as derradeiras décadas do século XII e o primeiro cuarto do XIII. Moitos autores destacaron a súa filiación borgoñona. Porén, o profesor Valle Pérez, que foi un dos que mellor estudou este mosteiro, sostén que polo carácter netamente xeométrico da decoración existe un claro influxo da arquitectura mudéxar.