Torres do Oeste. Porta e defensa de Galicia

javi montero/ La Voz de Galicia/ xaneiro de 2002

Porta e defensa de Galicia

As Torres do Oeste foron testemuña dos máis importantes acontecementos da nosa historia

O conxunto militar do Oeste érguese sobre un antigo asentamento romano, construido para defender e controlar a entrada de mercadorías cara o interior de Galicia. Na Alta Idade Media vai a ser protagonista de excepción nas invasións dos pobos procedentes do Norte de Europa. Os temibles vikingos, naturais de Escandinavia, hábiles navegantes que percorreron cos seus “graguer” a costa atlántica, expertos no saqueo e a pillaxe, que trouxeron de cabeza a reis, nobres e vasalos de toda Galicia.

Foi arredor do 844 cando comezaron os ataques dos piratas nórdicos. A partir deste momento sucedéronse as sangrentas razzias. Co reinado de Ordoño I (850-866) remontaron o Ulla, apoderáronse de Iria e sitiaron a cidade de Santiago. O rei Alfonso III decatouse da importancia deste emprazamento para cortar o ascenso polo Ulla das naves enimigas deica a capital do reino cristián, e mandou edificar un gran conxunto fortificado que máis tarde doaría a Igrexa de Santiago. Con todo, no 968 prodúcese a invasión máis devastadora. Unha enorme frota formada por ducias de naves vikingas e normandas chega ás costas galegas. As tropas do bispo Sisnando II non poden evitar que durante case dous anos asolen a meirande parte de Galicia.

Os seguintes reis e bispos continuaron a arranxar e fortalecer a cidade militar. No 1066 prodúcese o último ataque nórdico coñecido, baixo o mandato do bispo Cresconio, que fixo da cidadela un inexpugnable castelo. Co tempo, o castelo seguirá a ser protagonista de cruentas batallas: por unha banda, as invasións e saqueos dos islámicos no século XII; pola outra, as continuas guerras e intrigas entre os señores feudais. A inestabilidade política fixo que o todopoderoso arcebispo Xelmirez reforzara a fortaleza coa construcción doutra muralla e unha nova torre -que xa sumaban sete-, ademáis de establecer alí o seu refuxio persoal. Nos momentos de paz, o castelo seguiu utilizándose coma control de peaxe ó paso de mercadorías -sal e peixe- cara Padrón e Santiago.

Transcurrido o tempo, o castelo sufriu o desgaste das guerras Irmandiñas e xa nos séculos XVIII e XIX convertiuse en improvisada canteira para a construcción das casas de Catoira e Vilagarcía. Pouco queda do antigo esplendor dunha fortaleza que foi testemuña dos máis importantes acontecementos da nosa historia, “chave e selo de Galicia” como a definiu a “Historia Compostelana”, santuario, símbolo e bastión da Ría de Arousa.

vaca_3 tg_carrusel_cabecera_grande (1) Restos-de-la-fortaleza-DOeste. original_catoira-romeria-vikinga-2 do6 d_catoira_galicia_t3600081a_01 6827999134a76ce636df7a4.72892425-Imagen_Desembarco_(16) 10_Torres_del_Oeste_y_entorno_20_g 08CRM_Catoira_Torres-de-Oeste_AdolfoEnriquez 5 4