Sobre o Calixtino e unha viaxe por Galicia

Javi Montero/ La Voz de Galicia

Sobre o Calixtino e unha viaxe por Galicia

Ambrosio de Morales non só rexeitou levar o libro para a biblioteca escurialense senón que o mandou destruír

En 1572 o erudito e asesor de Felipe II, Ambrosio de Morales, realizou unha célebre viaxe ás nosas terras coa encomenda de ver todo lo de Asturias, Reyno de León, y Galicia, y trugese certificación por vista de ojos de todas las tres cosas: Reliquias, Enterramientos Reales y Libros Antíguos, que en todas partes se hallasen. A natureza de tal encargo non era outra que arramblar coas reliquias, libros antigos e outros obxectos valiosos de igrexas, mosteiros e conventos para engrosar a lipsanoteca particular do monarca e a que sería a máis nutrida da época e primeira biblioteca pública de España, en San Lourenzo do Escorial.

De sólida formación humanista –unha cousa non quita a outra-, ademais de bibliófilo o rei érache moi afeccionado á veneración dos corpos santos, e moitos aseguran que chegou a reunir unhas 7.500 reliquias procedentes de toda a Europa cristiá, dividida politicamente en dous bandos xa irreconciliables. A cousa non estaba para bromas. O calvinismo facíase cada vez máis forte e gañaba posicións. Ao monarca máis poderoso do seu tempo non lle quedaba outra que liderar os bandos católicos en países como Alemaña, Inglaterra, Francia ou Irlanda e recuperar o que se puidera de Centroeuropa. O das reliquias non era máis que outra expresión -entre moitas- do clima de exaltación relixiosa que seguiu ao Concilio de Trento. Detrás estaba a ameaza real do avance do poder protestante en detrimento dos países da orde católica. Outra historia foi a fatal decisión de invadir Inglaterra.

Para os estudosos da arte o libro de Morales ten a súa interese porque vai comentando algunhas obras que atopa no seu camiño. Algunhas nos chegaron moi transformadas, outras xa non se conservan e outras simplemente desapareceron, porque de ladróns sempre estivemos ben provistos.

Fala das orixes dos templos, e de construcións que se estaban acometendo na altura. Tamén da paisaxe, crenzas e moitas costumes galegas. Impresiónalle a beleza das rías baixas e das súas illas, como a de San Simón ou as Cíes, que tienen muy buenas fuentes y pastos; tuvo un Monasterio de Descalzos, llamado Santiesteban: está despoblado porque ingleses Luteranos lo saquearon. Visitou o mosteiro de Lérez e o de Poio; o da Armenteira importáballe menos porque ademais de ser pobre, no tiene más reliquias que unas pocas menudas. E de vilas como a de Tui, do abondoso ouro que aínda se sacaba do Miño, e dunha curiosa festa na que se organizaban competicións de loita grecorromana.

Na Catedral compostelá atopou un libro, o Calixtino, moi apreciado polo cabildo pero quien quiera que fue el autor, puso allí cosas tan deshonestas y feas, que valiera harto más no haberlo escrito. Así que o seu consello foi queimalo sen máis trámite. Supoño que esgrimiría varias razóns, pero tampouco axudaban moito pasaxes coma o que describía a vascos e navarros como malvados, perversos, desleales, borrachos, duchos en aspecto innoble; pueblo feroz y salvaje, desalmado y réprobos, impíos y rudos, crueles y pendencieros, huerfanos de virtud y diestros en toda iniquidad (…); ademais de enfermos de luxuria e promiscuidade, ata o punto de adoitar manter relacións sexuais cos animais. Ao cabildo esta e outras narracións polo estilo non lle pareceron causa suficiente para destruír un libro que contiña outros moitos valores e xa se estimaba como unha das xoias do tesouro catedralicio. Os cóengos andiveron lixeiros para ocultar aquilo que podía interesar ao valido da Corte.

Logo houbo outros moitos intentos de roubo e de rapiña –oito séculos dan para moito- pero o Calixtino sempre permaneceu no seu sitio, pois non debeu estar tan mal custodiado como agora se conta. Imaxinade o que pasaría na actualidade de se publicar un libro con este tipo de alusións sobre algúns pobos peninsulares. Sería hoxe queimado en praza pública como quería o enviado rexo? Pois xa non sabería que dicir…