A imaxe do demo

Javi Montero/ La Voz de Galicia/ Febreiro de 2002

Tomando coma referencia ineludible algunhas mitoloxías greco-latinas, o cristianismo converteu á serpe na máis terrorífica imaxe do demo. Por iso é unha serpe a que incita a Eva a comer o froito do primeiro pecado, prefiguración de todos os males da historia da humanidade. É a partir deste relato do Xénese cando a serpe pasa a ser a raíña no panteón dos animais maléficos, encarnación mesma do Espírito do Mal, alegoría dos baixos instintos como a envexa, o engano e a luxuria.

Porén, a arqueoloxía demostra que a figura da serpe xa xogaba un papel significativo no pensamento relixioso dos nosos antepasados, moitos séculos antes da chegada da doutrina cristiá. ¿Cómo se explica senón a presenza de serpes gravadas en pedra ou na ourivaría dende a cultura megalítica (3000-1800 a. C) ata o final da Idade do Ferro?

Rastrexando nos antigos mitos podemos albiscar como a serpe non sempre estivo asociada á figura do maligno. Ata non fai moito tempo o caldo de serpe empregábase nalgunhas aldeas pontevedresas coma menciña para sandar o reuma, a tose ferina, a tise ou algunhas enfermidades da pel. Seguro que este emprego da serpe na menciña popular afunde a súa raíz naquelas sociedades arcaicas, do mesmo xeito que moito do noso folclore, no que conservamos un bo feixe de lendas que pouco teñen que ver coas ideas có cristianismo asimilou a este animal. Así é que en moitos dos nosos castros viven mouras de fermosos cabelos rubios que de cando en vez toman a forma de serpe e só poden ser desencantadas mediante o bico dun mozo namorado. Outras custodian ricos tesouros dos que un home cobizoso tenta apoderarse. Ás veces unha serpe xigante provoca unha desfeita nun cortello e os demais veciños organizan unha partida para darlle o merecido castigo. Algúns labregos aseguran que as serpes acoden de noite ás cortes a mamar o leite das vacas, crenza xa presente no mundo romano e que tamén se constata aínda hoxe nalgunhas provincias francesas. En San Andrés de Teixido os romeiros non deben molestar as serpes que atopan no camiño, pois crese que son as almas dos mortos que cumpren os votos non realizados en vida, “a S.A de Teixido vai de morto o que non foi de vivo”, algo moi semellante ao que acontecía na cultura exipcia onde se pensaba que nas serpes ficaba acubillado o espírito dos devanceiros.

Foron moi abondosas as lendas e crenzas galegas que tiñan como protagonistas as serpes. Mágoa que na nosa comarca a meirande parte destas historias estanse a esquecer, perdéndose con elas un dos aspectos máis curiosos da nosa cultura popular. Agardemos, iso si, que non se perda a súa imaxe gravada en pedra.