Santa Mariña Dozo

Javi Montero/ A Voz de Galicia/ Marzo de 2002

Xa escribimos noutra ocasión que os cemiterios galegos non se limitan ao culto aos mortos senón que constitúen un espazo moral e afectivo, no que o home rememora antigas crenzas (relixiosas ou pagáns), se relaciona en festas populares e participa da contorna natural. Fronte ao cemiterio hixiénico e racional das cidades, nos camposantos aldeáns as tumbas arremuíñanse aproveitando o espazo arredor da igrexa e a morte non se relaciona co espazo regularizado senón co repouso no campo, co acercamento do home á natureza, metáfora do retorno ás primitivas esencias.

Levantado nun lugar de extraordinaria beleza paisaxística, o camposanto de Cambados expresa coa claridade da nostalxia o concepto do cemiterio romántico. Os artistas románticos do XIX dicían que das ruínas emana un dobre sentimento: por unha banda, a fascinación perante as construcións debidas a xenialidade dos homes; pola outra, a certeza e tamén fascinación ante a potencialidade destrutora da natureza e do tempo.

Non hai lugar coma este para sentir o efémero da existencia, a enerxía dunha natureza hostil e implacable que fende, racha e cobre de fungos a creación do home. É o sentimento tráxico do perecedoiro, da fugacidade do tempo, a violencia primixenia duns arcos que parecen etéreos, coma suspendidos no ar para proxectar as súas sombras sobre o mosaico caótico de cruces e lápidas.

Tamén os galegos temos moito de románticos, pois como aqueles desprezamos a orde, a simetría e a marmórea frialdade do cemiterio clásico para mergullarnos nese mundo desordenado, enigmático, cargado de evocacións, no que a beleza do natural, os recordos e a morte se irmandan para sempre.

Talvez sexa por iso, pola nosa inclinación cara o onírico, pola maxia dos recordos, que nos sentimos traizoados perante a banalización dun espazo no que se mesturan tantos afectos e sentimentos. Xa me referín noutro artigo ao desafortunado derrube do muro perimetral para unir o antigo camposanto co moderno de “adosados”. Agora só me resta mencionar a inquietante presenza do tanatorio. Pode que algúns lles resulte ata “bonito” -particularmente paréceme un pastiche seudoclásico máis preto da estética kitsch que dunha arquitectura de calidade e integradora- pero o que non se pode negar e que este edificio desvirtúa e altera por completo os valores deste espazo da memoria colectiva, quintaesencia do camposanto galego, dende logo un dos lugares máis emotivos e fermosos de Galicia.

O cemiterio parroquial de Cambados atópase no contorno das Ruinas de Santa Mariña Dozo.

O templo, de estilo gótico tardío, foi consagrado a finais do século XV por Don Lope Sánchez de Ulloa. Malia que a parroquia trasladouse a finais do XIX á igrexa de San Francisco, o cemiterio seguíu utilizándose ata os nosos días.

As Ruinas foron declaradas Monumento Histórico Artístico no 1943.  Unha vez transferidas á Xunta de Galicia as competencias en materia de Patrimonio foron incluidas no Rexistro de BICS.