A FIN DO MUNDO

424441_330813870298640_138927369487292_977785_1942141671_n

javi montero/ Libro Compilación Arde Galicia, 2006

 maxia, luz, enerxía, paz, VIDA

destrución, loucura, inxustiza, MORTE

traballo, humildade, coraxe, AMIZADE

Nalgún tempo, nos bosques neboentos de Galicia, as almas dos mortos aproveitaban o silencio da noite para vagar en procesión e levar a súa mensaxe de morte. Tamén alí, en aquelarres presididos polo lume, as bruxas daban conta ao demo seu señor dos maleficios que fixeran durante o día, mentres as serpes entraban na corte a mamar o leite das vacas. Nas lareiras fumeantes das casas os nenos escoitaban contos de tesouros encantados, custodiados por fermosísimas mouras, e a súa atención de ollos redondos só era interrompida polo ouveo lonxano dos lobos. O monte era máxico porque entre a súas sombras transitaban enigmas e misterios que o home non quería comprender e sabía respectar.

Noutro tempo, o bosque proporcionaba pedra e boa madeira para construír as vivendas, os muíños, os hórreos e os alpendres, piñas e leña para manter o lume na lareira, estrume para a cama do gando, animais para o sustento, loureiro e plantas aromáticas para cociñar, plantas medicinais para sandar as doenzas do corpo e paisaxes sorprendentes para calmar os desacougos do espírito. E polas súas ladeiras corría a auga en forma de mil regueiros, nos que habitaban as ninfas e dos que se nutrían as aldeas. Por iso, cando a noite morría co sol do mencer, desaparecían as pantasmas da imaxinación e o bosque deixaba de ser refuxio de meigas, diaños e lobishomes, para se tornar fonte de vida.

Galicia era e seguirá sendo mar e monte, auga, pedra e terra. E tamén lume. Para moitas culturas o lume é a representación do sol na terra, porque tamén proporciona luz, calor e enerxía vivificadora. Heráclito escribiu que todas as cousas nacen do lume e voltan a el. O lume místico de San Xoán impregna ós homes de enerxía e afástaos das forzas do mal. A tradición xudeocristián tamén viu no lume un símbolo de renacemento e purificación. No derradeiro día, cando o fume e as tebras se estendan por todas partes, homes e mulleres serán xulgados polos seus actos e logo virá un mundo novo, no que vivirán sen temor e en paz: “Despois vin un ceo novo, unha terra nova (…) Escoitei entón unha voz que clamaba dende o trono: Non haberá xa máis morte, grito nin pena, pois o antigo mundo xa pasou” (San Xoán. Apocalipse XXI, 1-5).

Quizais non sexa a fin do mundo pero alguén terá que responder dos seus actos. Arde Galicia porque alguén lle plantou lume. Volve a marea negra da maldade, a loucura, a soberbia, a inxustiza. Fronte a ela a carraxe que sentimos ó ver como algo tan noso desaparece e se converte nun manto escuro de ferruxe e de morte. Por cada árbore que se queima algo morre na alma de todos os galegos. Para loitar…como sempre, heroes anónimos e a súa solidariedade. Arde Galicia mentres as súas xentes regalan, unha vez máis, o mellor que posúen: a forza do traballo, a amizade, a coraxe e a humildade. Se todos queremos, a terra galega voltará a nacer.