Cambados volve mirar cara o mar

javi montero/ La Voz de Galicia. Marzo 2004

A illa das Goritas: modelo “feixón” de catálogo. Vulgar, custosa, innecesaria e unha nova barreira visual cara o mar

Semella unha obviedade dicir que o mar é un elemento consubstancial ó desenvolvemento urbano das nosas vilas costeiras. Do mar emerxeron as nosas cidades, que foron evolucionando a través dos séculos segundo as leis espaciais que emanan dese principio xerador. O equilibrio espacial e a lóxica pola que as vilas se deitaban cara a súa principal fonte de recursos, máis unha arquitectura fortemente apegada ó traballo no mar e por iso integrada no territorio, deu lugar a conxuntos de extraordinario valor patrimonial, estético e ambiental. Esa simbiose entre natureza-paisaxe e cidade-arquitectura, parece romperse sobre todo a partir da década dos anos 70, momento no que os cambios sociais e económicos vanse traducir nunha profunda transformación dos sistemas urbanos tradicionais. Un dos aspectos máis salientables é dende logo a expansión das antigas vilas a través de sucesivos recheos gañados ó mar, que nun principio tiveron un discutible sentido, derivado da necesidade de ensanchar o espazo urbano para albergar unha industria emerxente, pero que pronto se converterían en extensas areas suburbiais que separaron definitivamente o mar dos centros urbanos. É moi curioso ver como aquelas casas que parecían esvarar sobre a liña costeira, proxectando as súas siluetas na auga salgada, agora conforman o telón de fondo dunha interminable explanada de terra ou asfalto como se fosen barcos que quedaron en seco.

Poren, a finais dos anos 80 xorde en todo o país un profundo debate sobre a necesidade de ordenar e frear a evidente degradación dos perfís urbanos. Comezan así a se desenvolver proxectos que terán un denominador común: o deseño e construción de paseos marítimos e portos deportivos. Ás cidades grandes –Barcelona, Bilbao, Xixón, A Coruña, etc.- seguiríanlle as vilas máis pequenas, ó tempo que aparecían as primeiras voces discrepantes que viron na proliferación de paseos unha moda perigosa. Pasado o tempo compróbase como os laureados paseos non sempre produciron os resultados máis desexados. E isto sobre todo pola indefinición e falta de rigor na construción de moitos deles, pola repetición dos mesmos modelos sen ter en conta as características de cada paisaxe, e por esa acrítica acollida de deseños que se importan das cidades como símbolos equívocos de modernidade pero que contrastan radicalmente coa arquitectura, ambientes e funcións das nosas fachadas marítimo-portuarias.

De calquera xeito é incuestionable o éxito social que acadaron moitos destes proxectos e a súa capacidade para revitalizar as nosas frontes marítimas. Un bo exemplo témolo en Cambados. Como sabemos, a construción de recheos, xunto coa proliferación de naves industriais infraconstruidas e depósitos de residuos sólidos, provocou unha fonda desarticulación do espazo herdado, ademais dun grave deterioro ambiental e estético da marxe costeira. O proxecto de reordenación da franxa marítima xogou un papel fundamental na nova vertebración do centro urbano. E isto a pesar da construción da illa artificial, seguramente o máis desafortunado por vulgar, innecesaria e por se configurar coma unha nova barreira visual cara o mar cando, paradoxalmente, o que se pretendía era o contrario. Modelo “feixón” do “Catálogo Internacional Illas Artificiais”.

Por unha banda, a construción dun vial costeiro permitiu reorganizar a circulación e desconxestionar esa zona do núcleo de Cambados, que dende hai tempo se configura como o centro administrativo, mercantil e dotacional da vila. Pola outra, recupérase o contacto co mar xusto na zona onde había unha maior desconexión. Finalmente, crease unha extensa área de esparexemento no que o cidadán volve a vivir e sentir o mar coma un elemento esencial da paisaxe urbana.

Agora acábase de inaugurar o de Santo Tomé e vanse comezar as obras do de Fefiñáns. Sobre o primeiro xa ninguén dubida da súa contribución para a revalorización do noso núcleo máis mariñeiro. Agora só resta neutralizar o impacto que producen algunhas edificacións infraconstruidas e mellorar na medida do posible a plasticidade estética da fachada marítima. Neste senso non cabe dúbida que tanto o concello como os propios cidadáns teñen unha grande responsabilidade. Cambados, como o resto das vilas costeiras galegas, ten que volver a mirar cara o mar.