A nova Estación Marítima de Vilanova

javi montero/ La Voz de Galicia. Abril 2013

Lonxe de imposturas narcisistas, o proxecto tenta xerar perspectivas  e valorizar o seu contorno afastándoo da mediocridade precedente

Á marxe da polémica xurdida pola súa escasa funcionalidade logo de máis dun ano da súa inauguración, esta delicada peza arquitectónica conta cos valores suficientes para se converter nun interesante referente na nosa comarca.

Vaiamos por partes. O volume proxectado por Angel Cid e Silvia Diz (2C Arquitectos) está definido por una caixa prismática de formigón, lixeiramente elevada sobre o chan, o que lle confire unha evidente lixeireza, acentuada polo espazo aberto que deixa no extremo sur, que conecta o tecido urbano coa renovada marxe costeira, e polos propios materiais da súa envolvente. Cara o mar, ábrese por medio dunha superficie de vidro con carpintaría de aluminio gris, que harmoniza coa cor negra do formigón. Cara o casco urbano, a súa imaxe está definida por un cerramento opaco de listóns de madeira, que se prega cara o interior ata formar outra caixa onde se distribúen lonxitudinalmente os principais servizos orientados ao espazo público que mira, como dicimos, deica a fronte marítima.

O emprego da madeira, ademais das súas agradecidas particularidades estéticas, abrangue interesantes achegas técnicas. Trátase de madeira de pino acetilada, isto é, tratada en autoclave con anhídrico acético, un proceso non contaminante que os técnicos do <<CIS Madeira>> sosteñen lle outorga durabilidade en climatoloxías adversas e a necesaria estabilidade dimensional. Deixemos pasar o tempo, pero xa temos falado aquí do importante que era para a nosa economía a investigación e implantación de anovadores produtos e tratamentos arredor deste recurso endóxeno con tanta tradición en Galicia. Só así poderemos competir cos outros países produtores.

Pero aínda hai máis. Os antigos ebanistas sabían que non chega con que a madeira sexa de boa calidade, senón que ademais hai que saber usala. E aquí entra o detalle construtivo. A protección da madeira con goteiróns de aluminio, o redondeo dos cantos e o propio corte dos listóns na súa parte inferior, entre outros moitos elementos do deseño, falan do emprego intelixente dun material que necesita de mans moi especializadas para evitar os habituais problemas construtivos e de mantemento.

Por último, pese a constituír un volume preciso e individualizado, o seu protagonismo deixa boa marxe ás relacións espaciais, grazas en parte á súa permeabilidade e diálogo cunha paisaxe que ben merece toda a atención. Lonxe de imposturas narcisistas, o proxecto tenta xerar perspectivas, aproveitar as liñas do horizonte –as aperturas no muro sur son unha proba máis- e valorizar o seu contorno afastándoo da mediocridade precedente.

Así pois, aínda que ao día de hoxe o resultado programático non sexa o agardado –o tráfico marítimo na ría está moi lonxe de ser unha realidade-, a súa presenza realista e ben dimensionada –un edificio pequeno para unha vila pequena-, a súa necesaria versatilidade, xunto á capacidade para imprimir carácter a través dunha escala moi humana e dunhas formas sinxelas e depuradas, máis preto da nosa arquitectura vernácula que da retórica hiperbólica e insostible de moita da arquitectura pública, ademais da pretendida –e conseguida- integración espacial, semellan argumentos suficientes para tomar en consideración este edificio como un exemplo de calidade no conxunto da arquitectura última galega.