SANTA MARIÑA DOZO (II) <>

Enlaces:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2014/01/07/santa-marina-cambados-entra-ruta-cementerios-singulares-europa/00031389109603666340984.htm
http://www.lavozdegalicia.es/album/arousa/2014/01/08/santa-marina-cementerios-bonitos-europa/01101389209580989764949.htm

Sen dúbida unha estupenda noticia. Dende logo o de Santa Mariña Dozo atesoura valores suficientes para estar nesa lista de Camposantos singulares de Europa. Xa publicamos algunha cousiña sobre este conxunto patrimonial e seguiremos a falar sobre o tema. Agora ben, hai que estar a altura, porque a competencia, como sempre, é feroz, se pensamos por exemplo na captación de visitantes. Polo de pronto, xa elaboramos un informe coas súas deficiencias e debilidades, e os retos que se deben plantexar para a recuperación física e a súa valorización patrimonial. Resumimos:

  1. Mellora do seu contorno- envolvente (restauración de muros de peche, ocultación de contedores de lixo, recollida selectiva, accesos, etc…).
  2. Recuperar os espazos tradicionais: a unión e relación espacial do cemiterio vello coas ampliacións modernas faise dun xeito moi abrupto e insatisfactorio debido ao derrubamento do antigo muro perimetral. Se debería pensar en barreiras visuais, por exemplo vexetais, como un xeito de mellorar o ordenamento e composición dos distintos espazos, as perspectivas, a súa función simbólica presidida polas ruinas, e a recuperación efectiva do espazo do cemiterio tradicional.
  3. Restauración: actuacións de restauración e mantemento da arquitectura (ruínas), escultura (relevos e imaxes en pedra, Cristo de madeira, etc) e incluso os escasos restos de pintura mural.
  4. Pavimentos: constatáronse todo tipo de pavimentos (terra achanzada, cemento, canto rodado, gravas moi distintas, pedra de moitos tipos, cascallos e estullos, etc. ). É necesario definir cada un dos pavimentos nas distintas partes (rúas, beirarrúas, zonas verdes, contorno das tumbas, etc.) evitando improvisacións e seleccionando materiais, texturas, despeces, composición, tonalidades, etc.
  5. Proliferación de pegotes, bordes e chanzos infraconstruídos: traballo de restauración en detalle para evitar estes elementos que provocan un impacto negativo, mellorar a relación de cada parte co resto do conxunto, e mellorar no posible a accesibilidade para persoas maiores e con mobilidade reducida.
  6. Información: Deseño de cartelería e paneis explicativos colocados en lugares moi estudados, para que sirvan de información ao veciño e ao visitante e como un valor engadido ao Monumento.
  7. Zona nova (2ª Fase): nivelación de rasantes para mellorar a accesibilidade e a integración das distintas partes, construción de novas beirarrúas máis anchas e accesibles, con materiais máis axeitados e integrados, mellorar a capacidade drenante do terreo, recuperar e ampliar as redes de evacuación de pluviais, acometidas, colectores, sumidoiros, etc.//  Xardíns e Mobiliario: formación de novas zonas axardinadas que alivien o espazo construído, formación de zonas de descanso e estancia, renovación das fontes e surtidores de auga, así como do resto do mobiliario urbano con novos deseños máis respectuosos co resto do conxunto, mellora dos xardíns existentes con especies ornamentais seleccionadas baixo criterios de adaptación climática, respecto á contorna e bo mantemento a longo prazo, etc //    Puntos limpos e almacén de apeiros: instalación de pequenos puntos limpos para evitar a proliferación de lixo, estullos e residuos en zonas verdes e lugares “escondidos”; estudar a posibilidade de construír un pequeno almacén colectivo para gardar útiles de apeiros de uso común (escaleiras, regadeiras, capachos, etc.)

POR TODO ISTO, DENDE AQUÍ ACONSELLAMOS A ELABORACIÓN DUN PLAN DIRECTOR POR PARTE DUN EQUIPO MULTIDISCIPLINAR E MOI ESPECIALIZADO QUE RECOLLA TODOS OS ASPECTOS HISTÓRICOS, ARTÍSTICOS, ARQUITECTÓNICOS, URBANÍSTICOS, PATRIMONIAIS, FUNCIONAIS E DE XESTIÓN (E RENTABILIZACIÓN) DO CONXUNTO CARA O FUTURO. IMPROVISACIÓNS E OCORRENCIAS AS XUSTAS…