CAMBADOS: ARTE NAS RÚAS

Baco_Francisco Leiro_Cambados

por javi montero/ Reportaxe. La Voz de Galicia. Febreiro de 2004

Durante boa parte do século XX a experiencia escultórica reduciuse case exclusivamente aos ámbitos do museo, a galería, os historiadores e críticos da arte, ou ao público especializado, abandonando a súa dimensión social ou, alomenos, moitas das súas funcións e emprazamentos tradicionais. Esta situación comeza a se transformar a partir dos anos 70, momento no que a escultura parece querer retornar ao espazo aberto e multifuncional da rúa, esta vez como unha forma de revitalizar ambientes moi deteriorados debido ao “desarrollismo construtivo”. Primeiro foron as cidades americanas e as grandes capitais europeas, con nomes como Henri Moore, Richard Serra, Oldenburg, T. Smith, etc., cuxas propostas nos enlazan con moitas das tendencias da plástica contemporánea, dende o pop art ao mínimal.

Pero foi principalmente a finais dos 80 cando este fenómeno se empeza a sentir nas pequenas cidades españolas. Lembremos, por exemplo, a cidade de Vigo, cunha serie de esculturas de autores galegos colocadas en lugares significativos Oliveira, Silverio Rivas, Conde, Leiro…- , ou o paseo marítimo da Coruña e a contorna da Torre Herculina –Serrano, Paz, S. Penalta, Galán…-.

Establécese entón unha nova dialéctica entre a arte e o territorio. A escultura pasa a converterse nun referente urbano capaz de transformar o degradado espazo cidadán ao tempo que se democratiza, se fai pública. A súa nova aspiración é a de satisfacer ao conxunto dos cidadáns, conferindo ao espazo urbano unha nova dimensión estética, social e comunicativa fronte á voracidade e irracionalidade dos procesos de crecemento das décadas precedentes.

Ben é verdade que en Galicia a escultura pública case sempre se reduce a intervencións illadas e rara vez se inscribe en proxectos máis amplos de rehabilitación e rexeneración urbana. Ademais, que dúbida cabe que este proceso apenas se deixou sentir nas vilas máis pequenas, que aínda hoxe se mostran reticentes á hora de incluír a difusión da arte actual nas súas partidas orzamentarias. Todos sabemos que a fórmula más estendida para embelecer un lugar segue a ser a instalación de fontes, cruceiros, hórreos prefabricados, etc., monumentos da nosa interesantísima arte popular pero que estandarizados e sacados do seu contexto convértense en imaxes banais dun falso rusticismo, en pastiches de pedra aserrada.

Cando se opta pola arte contemporánea ás veces prevalecen outros criterios por riba da calidade, ou simplemente carécese de criterio por non contar co debido asesoramento. Todos sabemos que de arte, igual que de urbanismo, entende todo o mundo. A escultura trapalleira que atopamos en moitas cidades, incluídas as máis próximas, dan fiel testemuña desta realidade. Afortunadamente, as últimas intervencións en Cambados parecen ir por un camiño ben distinto.

Quizais o máis importante é que ademais de reinventar o espazo urbano logrouse achegar a escultura actual á cidadanía. Esperemos que este non sexa un feito illado e sigamos enriquecendo o Conxunto Histórico cambadés coas obras de bos escultores (falta unha escultura do mestre de todos: Lino Silva), con exposicións periódicas de arte efémera a pé de rúa ou coa ansiada creación dunha sala de exposicións que poida ser un centro de creación e difusión cultural.

No Salnés existe un patrimonio emerxente do que deberíamos estar orgullosos pero que será necesario defender e apoiar. Non basta con dicir que esta sempre foi terra de artistas. Iso está  moi ben para os folletos turísticos e para os discursos de certos políticos.

Baco (2)_Francisco Leiro_Cambados

No seu Baco –sucesor romano do grego Dionisos, Deus do viño e das caralladas, sempre ben acompañado dos sátiros e das libidinosas bacantes- Francisco Leiro abandona os retorcementos e escorzos inverosímiles, aquel dinamismo de clara raigame expresionista dos anos 80, para mostrar a súa faceta máis clásica. A súa escultura voltouse máis estable, recreándose na rotundidade dos volumes, na tactilidade do seu tosco acabado e no carácter vibrante da pátina verdosa do bronce. Con todo, non perdeu un ápice da súa carga expresiva, da súa violencia interior, desa enerxía que algúns identificaron co carácter atlántico. Como un mascarón de proa de maléfico sorriso, esta irónica, inquedante e á vez tenra figura, abandonou a súa peaña para mesturarse entre os cambadeses e presidir a praza do poeta Ramón Cabanillas. Non me cabe dúbida que a súa vigorosa presenza xa forma parte do imaxinario colectivo desta vila que dende logo é a capital do viño albariño, pese a quen pese.

Vieiras_Manolo Paz

A obra de Manolo Paz afonda na súa pretendida busca das significacións intrínsecas dun granito apenas traballado, coa xa clásica dualidade de texturas, reivindicando o carácter elemental da escultura, que ten moito sentido na súa integración co territorio. Tanto As Vieiras como A Ponte da Seca, concíbense como poderosos volumes que semellan emerxer da terra para contrapoñer o seu hermetismo matérico fronte a amplitude do espazo mariño.

Ponte da Seca (2)_Manolo Paz

Para Paz as formas xa estaban aí, na paisaxe, nas grandes rochas, nos penedos, na verticalidade das árbores, nos vellos muros de cachotes, nos emparrados de albariño, nas pastas chantadas na terra dos camiños, só había que facelas falar, que desentrañar as súas mensaxes. Quizais por iso moitos viron na súa plástica un vínculo directo co megalitismo galego, coa idea da pedra como obxecto de culto, como unha reinterpretación da cultura ancestral do menhir, cuxos valores permaneceron na nosa cultura popular en forma de múltiples simbolismos, crenzas e tradicións. Sen negar as súas raíces autóctonas, paréceme entender, non obstante, que a súa escultura vai más alá, que o sentido antropolóxico da pedra, o escudriñar no interior da materia, a eterna (e paradóxica) loita de contrarios (materia-espazo, luz-escuridade, pureza-humanidade, razón-impulso…), o retorno instintivo ás formas puras da natureza, ao orixinario e ao cambiante, son necesidades e sentimentos tan humanos como universais.