OS PAZOS. EXPRESIÓN VIVA DA NOSA CULTURA

por javi montero/ La Voz de Galicia/ Nov. 2011

Evitar imitacións pasticheras e invencións extemporáneas

A súa orixe remóntase aos tempos nos que a fidalguía fíxose dona da terra grazas ao sistema foral instaurado no Antigo Réxime. O pazo era unha unidade residencial e tamén produtiva, ligada a unha economía rural e agraria, sustentada pola riqueza dos predios, polas rendas e tributos de campesiños e pequenos gandeiros; en demasiadas ocasións antecámara de poder e de influencia socio-política.

A literatura máis a tradición popular converteunos en escenario de inspiración poética e evocación lendaria, de soños barrocos e intrigas entre linaxes e avoengos, escarnio de historias de cama e fillos ilexítimos.

Hoxe moitos deles presiden a paisaxe coma reliquias pétreas dos tempos idos, dunha historia e dunha sociedade que por sorte mudou para sempre, aínda deixando a súa pegada na nosa conciencia como un símbolo máis de afirmación identitaria. E como testemuña dunha cultura e dunha sabedoría construtiva que cómpre manter viva.

A súa supervivencia pasa pola súa restauración e adaptación a novos usos e funcións (ou aos mesmos usos e funcións…), e polo emprego de novas técnicas construtivas compatibles e respectuosas coa vella arquitectura, evitando imitacións pasticheras e invencións extemporáneas. Para iso antes de actuar é necesario estudar a arquitectura, os seus valores e significacións, as marcas do tempo. Só así poderemos preservar este rico patrimonio que nos legaron aqueles que viviron antes que nós.

 

UNHA MALA (IMPROVISADA E OCURRENTE) REHABILITACIÓN, SEN O ESTUDO HISTÓRICO-ARTÍSTICO PRECISO E RIGOROSO, SEMPRE É MOITO PEOR QUE A RUINA. EXEMPLOS XA TEMOS DE ABONDO.

 

Enlaces:

http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=22953