Lola Solla. Polos vieiros tortuosos do natural

javi montero/ Crítica de Arte/ La Voz de Galicia

Lola Solla extrae instantáneas do cotián para suxerir unha realidade sensorial en permanente estado de mudanza

<<Hojas que absorben la luz

hojas de espejo

astillas de corteza

senderos tortuosos

gravedad oscura

ramas sinuosas hacia la luz

vegetal estructura

vegetal escultura(…)>>

Creo que o poema do escultor e litógrafo Giuseppe Penone é o mellor xeito para se aproximar á obra de Lola Solla, artista pontevedresa de notable e dilatada traxectoria que este mes mostra a súa obra na Sala Rivas Briones.

A artista continúa a súa viaxe persoal polas congostras tortuosas que deixan no seu vagar os anacos dunha realidade en continua transformación e por iso materia inconclusa dunha evocación que se torna infinita. Materia cambiante e por tanto real. Porque unha folla ou as ás dun paxaro poden absorber ou reflectir a luz según a dirección do vento, do mesmo xeito que a nervada estrutura dunha árbore, as fibras da madeira ou as rabuñaduras dunha porta mudan con cada amencer e a incesante fluidez das sombras.

Só hai que saber mirar. Buscar as súas mensaxes. Escudriñar na natureza e apropiarse dos seus fragmentos. Logo seleccionar, contrastar, e reducir eses anacos á súa esencia. Ás veces interesa a estrutura, a armazón que sostén a vida; outras hai que ir máis aló, coller o microscopio ou radiografar á materia na procura desas moléculas que son máis reais que a realidade que percibimos cos nosos ollos. Por iso, cando nos achegamos a súa obra intuímos un proceso case científico, por moito que o resultado sexa dunha magnitude sensorial e expresiva. Ciencia e arte, coñecemento e espírito, non son excluíntes nin teñen porque se contradicir no seu fin: chegar, mediante á análise, a un mellor entendemento de todo aquilo que conforma a nosa existencia.

Lola Solla non é allea a esta inquedanza, nin á necesidade de transmitir os seus pensamentos e achados a través dunha linguaxe que fusiona técnicas diversas –fotografía, gravado, pintura, instalación- fundíndoas sobre o papel ou a tea, complementándoas, igual que as sombras da materia se funden coa a auga e o ceo, sen perder a percepción da fráxil arquitectura que vai debuxando o tempo.

A realidade filtrada pola peneira da súa mirada tórnase en múltiples instantáneas que, lonxe de acoutar ou conxelar a percepción do cotián, suxiren estados físicos en permanente estado de mudanza, un mundo obxectual que ás veces redúcese á súa mínima expresión –unha fibra, un nervo, unha incisión, unha silueta-, á evocadoras abstraccións que, porén, non acaban de desligarse do seu referente natural e eterno. Só hai que saber mirar.