O DEBATE TERRITORIAL I. TODOS SOMOS RESPONSABLES

javi montero/ La Voz de Galicia/ decembro do 2006

Comezabamos estas reflexións o 24 de decembro de 2006, hai agora máis de 7 anos. Moito cambiou o mundo… 

Todos parecen culpar ao inimigo especulador, nunha interpretación do problema sesgada, partidista e interesada

Ao final vai resultar que media España se sostén con ladrillos, administracións públicas incluidas

Non amamos o que temos e non entendemos o que herdamos

A presión mediática derivada de escándalos, corruptelas e desastres naturais propiciou que nos últimos meses o debate sobre o territorio tomase unha renovada vitalidade. Agora, máis que nunca, se fala da necesidade urxente dun amplo pacto territorial, dunhas directrices para a ordenación do litoral –onde vive máis da metade da poboación de Galicia-, e da erradicación do urbanismo indiscriminado e salvaxe. Na rúa, na taberna, na saída da misa dominical, escóitanse palabras como especulación, feísmo, sostenibilidade…, e se ben os efectos parecen cada día máis evidentes, acontece todo o contrario ao buscar as causas, pois todos parecen culpar ao inimigo especulador, nunha interpretación do problema sesgada, partidista e interesada.

Comezaron os arquitectos co debate sobre o feísmo, algúns con vehemencia farisaica, como se eles nada tiveran que ver co que se leva construído dende o “desarrollismo” dos anos 70. Pola miña parte, sigo sen saber moi ben que é iso do feísmo. Supoño que é un xeito de definir os edificios caixón e fora de escala que salpican os nosos centros urbanos –case todos con proxecto, dirección técnica e visado do colexio-, as zonas periurbanas das cidades, mestura de formas e usos incompatibles entre sí, que dan lugar a espazos duros, anodinos, fragmentados, consecuencia da deixadez e da falta de planificación, ou os galpóns de bloques, o ladrillo visto, o fibrocemento, o PVC, e as vivendas de dubidoso gusto espalladas polo noso rural.

O feísmo, entón, contraponse ó bonitismo, que podemos aplicar, por exemplo, ás urbanizacións de baixa densidade, que ocupan vals enteiros e derivan en graves problemas medio ambientais e de mobilidade; aos recheos marítimos de formigón e lousas de granito; aos portos deportivos con restaurantes sobre pilotes e edificios de deseño para usos múltiples –logo se demostra que os nosos usos son os que son, e non son tan múltiples-, calcados de calquera dos centos que atopamos dende o Mediterráneo ata San Sebastián, pois todos son iguais; ou ás prazas e espazos verdes de moitas cidades, xeometría de revista, que pretenden parecer naturais, con pontella, fonte, piorno e escultura kitsch; ou aos conxuntos históricos nos que só quedan as fachadas como parte dun decorado tan turístico como falso e artificial.

Mentres tanto a vivenda segue a subir, e a clase política fala de poñerlle coto á economía do ladrillo, que será necesario, pero nesta supoño que tamén se incluirán as licencias e cesións de solo coas que se financian moitos concellos, os impostos da administración autonómica, os de Facenda, os honorarios dos técnicos, os gastos na tramitación dos proxectos –ademais das innumerables e gravosas taxas públicas, están os avogados, notarios, rexistradores, peritos, etc-, os obreiros que fan as obras –que son os que menos cobran-, os promotores, as inmobiliarias, os bancos, etc. Ao final vai resultar que media España se sostén con ladrillos, administracións públicas incluídas.

Está claro que necesitamos un novo modelo territorial, máis respectuoso e equilibrado, baseado na optimización dos recursos, na planificación integral e sostible, pois a ocupación difusa e desordenada do territorio, o “vai facendo”, non é soportable economicamente e elimina calquera potencialidade de cara ó futuro, dende a agricultura ou o monte ata o propio turismo. Moitos aseguran que neste modelo debe prevalecer o interese público por riba dos intereses particulares (que poden ser perfectamente lexítimos), que non deberían condicionar a planificación e ordenamento do solo.

Pero xa que falamos de intereses particulares, habería que preguntarse se o noso modelo de Estado, baseado na total descentralización de competencias, condiciona dalgún xeito o modelo territorial, se os repartos de poder non lastran a xestión do urbanismo desexable. Se ollamos para moitas das últimas intervencións, sexan públicas ou privadas, semella que cada administración ou centro de poder con competencias sobre territorio –urbanismo, vivenda, patrimonio, costas, portos, medio ambiente, concellos, deputacións…- ten o seu modelo territorial, adaptado aos seus propios intereses, que moitas veces colisionan entre sí, e que nestes reinos de taifas pouco se fai para aunar criterios e traballar polo consenso e de forma coordenada. De aí as incoherencias que todos coñecemos.

O feísmo dos bloques e a “uralita” non é o único culpable do caos e a perda de valor da nosa contorna. Hai moitos máis: os intereses económicos, a desidia, a irresponsabilidade, a desinformación, a indiferencia de moitos profesionais, a demagoxia doutros, as loitas de poder, etc.

Se hai algo que identifica a un país, ademais da súa lingua, é o seu territorio. Quizais xa se produciu a ruptura definitiva entre o home e a natureza. Non amamos o que temos e non entendemos o que herdamos. Por iso queremos cambialo todo, formigonar, domesticar unha natureza que agora se revela da forma máis salvaxe. Se non empezamos a inverter esta tendencia teremos que ir acostumándonos a que se queime o monte e se asolaguen as casas. Todos somos responsables.

debate territorial 1