O DEBATE TERRITORIAL (III). O TRIUNFO DA CIDADE DISPERSA

javi montero/ La Voz de Galicia. Marzo de 2008

Como os fondos europeos no son eternos, qué dúbida cabe que este enorme gasto público vai repercutir nas rendas familiares en forma de impostos, taxas e tributos. E senón tempo ao tempo.

Pode que os ladrillos sexan máis rendibles que as verduras e as árbores, pero pronto xa non haberá forma de poñer máis ladrillos, e as verduras e as árbores xeran economías de escala e son recursos inesgotables

1488166_728964680449674_342491573_n

A necesidade dun novo enfoque territorial non ven determinada exclusivamente polo seu compoñente formal ou estético, nin tampouco ideolóxico, senón pola urxencia de concibir o territorio con criterios de sustentabilidade e de optimización dos recursos endóxenos, pois a ocupación difusa e desordenada elimina de raíz outros usos do solo como poden ser o forestal ou o agrícola, case sempre subestimados, pero que noutras rexións, incluso moito máis ricas e desenvolvidas, están a ser sectores estratéxicos da súa economía.

Ven isto ao caso pola preocupación manifestada recentemente pola directiva de “Horsal” -segundo parece, a cooperativa de horta máis importante de Galicia- polos problemas financieiros que atravesa o sector e a súa perda de competitividade nos mercados, debido ao descenso da produción, á falta de agricultores e ao incremento imparable dos custes de produción.

E ven ao caso porque non cabe dúbida que o “boom” construtivo mobilizou unha inxente man de obra que en moitos casos abandonou o campo por falta de perspectivas de futuro. Pero tamén porque se subimos a calquera dos montes que rodean o Salnés, poderemos ver como os invernadoiros e as leiras de cultivo se apiñan como poden entre as casas, as fincas, as urbanizacións, as naves industriais, etc.

Dispersión poboacional no Val do Salnés

Unha agricultura tan atomizada non pode ser rendible. Ben é verdade que os ladrillos son máis rendibles que as verduras, só que pronto non haberá onde poñer máis ladrillos, e as verduras, se se saben explotar e quedan bos terreos para iso, xeran economías de escala e son un recurso inesgotable, é dicir, seguirá sendo recurso dentro de dez, cen ou mil anos.

Xa sei que todo isto non é tan sinxelo, que os problemas son moitos e moi diversos, entre eles o propio sistema da propiedade en Galicia, onde confluen rasgos económicos, sociais e culturais que marcan indefectiblemente o des-ordenamento territorial. Pero tamén sei que xa son moitas as voces, incluido o último informe do <>, que defenden –obviamente con matices- o modelo mediterráneo de concentración e compactación do solo urbano, pois é sustentable, máis dinámico e non crea os graves problemas de mobilidade entre os espazos residenciais e os centros de traballo.

Para entendernos: os edificios altos e xuntos, ben planificados, son moito máis sustentables que os chalés ou as vivendas dispersas, porque ocupan menos espazo, requiren un gasto menor en infraestruturas, e optimízanse os desprazamentos a través do transporte público.

De calquera xeito, como a xestión urbanística da Galicia atlántica escórase cada vez máis cara a cidade difusa, na que prima o beneficio a curto prazo e o localismo do inmediato semella abandeirar o discurso político e social, convén reflexionar sobre cal é o prezo do disperso, é dicir, canto nos vai custar vivir en núcleos que se expanden en horizontal ata rozar cos do seguinte concello, que tamén ten os seus macroedificios públicos e dotacionais, o seu polígono industrial, as súas urbanizacións “de luxo”, etc.

Modelo de ciudad difusa. Salvador Rueda Palenzuela

Nalgunhas cousas achegámonos ao sistema dos EE.UU: o transporte público non pode cubrir minimamente as necesidades de mobilidade da poboación e recúrrese ao uso exclusivo do automóbil, para o que se necesita unha rede viaria que en lonxitude supera con creces ás rexións máis poboadas e avanzadas de Europa. Agora cada fogar necesita de dous ou máis coches (Galicia supera a media española de coches por vivenda), que, por certo, soen circular ás mesmas horas, ocasionando graves problemas de accesibilidade ás cidades, cabezas comarcais e centros de traballo, o que leva a agrandar e mellorar continuamente as entradas e conexións, sen esquecer o incremento no consumo de combustible, cun prezo cada vez máis desorbitado e a consecuente devaluación das rendas familiares.

Xunto a isto, temos que pensar que tal esparexemento provoca un gasto ruinoso para as facendas públicas, sobre todo no que respecta á dotación de servizos e redes de subministros como a auga, alumeado, saneamento, limpeza, mantemento de estradas, mobiliario público, transporte escolar, etc.

Algúns estudos económicos sosteñen, por exemplo, que os custos dalgúns destes servizos nas parroquias rurais de Vigo representan máis do dobre dos da propia cidade, onde se concentra a maior parte da poboación. Este dato é suficientemente esclarecedor e deberíanos facer reflexionar cara onde se encamiña a nosa comarca.

Comunicacións. Cidade difusa_1

E se isto non fora dabondo, están os custos mediombientais, e non só me refiro aos desastres naturais (incendios, inundacións, etc.), ou á devaluación estética da paisaxe, senón a aqueles derivados da dificultade dos concellos para facer fronte á demanda de saneamento e tratamento de residuos que lle chegan de todos os recunchos edificados.

A consecuencia máis apreciable é a contaminación dos cursos fluviais e das rías, pero hai moitos outros. Tomando de novo como referente á Vigo, hai anos constatouse que a contaminación da súa ría non era tanto consecuencia do seu centro metropolitano senón de todas aquelas casas (moitas delas segundas vivendas que só se ocupan no verán) e pequenas industrias que se amontoan nas ladeiras das súas marxes e que non contan coa necesaria rede de alcantarillado. O saneamento integral da ría presupostouse en varios miles de millóns das antigas pesetas.

E como os fondos de cohesión non son eternos, que dúbida cabe que este enorme gasto público repercute, ou vai repercutir, nas rendas familiares en forma de impostos, taxas e tributos. E senón tempo ao tempo.

Como non quero caer na demagoxia de moitos que falan do agro e do urbanismo pero viven en casas rodeadas de campo con vistas ao mar, podemos pensar que en xeral e aínda coas estreiteces e apuros de cada día, no Salnés (e en Galicia) hai calidade de vida, e que a todos nos gustaría vivir nestas casas solitarias (e a moitos vender adosados aos madrileños) pero isto, na Europa actual é un luxo, e os luxos, tarde ou cedo, vai haber que pagalos.

Artigo