O DEBATE TERRITORIAL IV. DA PAISAXE IMAXINARIA Á PAISAXE REAL

javi montero/ La Voz de Galicia.  Maio de 2008

Coleccionamos libros de vellas fotografías. Refuxiámonos no estereotipo idealizado en papel sepia. Suspiramos coa nostalxia do que xa non temos. Pero seguimos a descoidar e embilecer o presente

994424_764436786903413_887441988_n

Falamos en anteriores crónicas que o crecemento espallado e fragmentario, xunto á implantación de proxectos públicos ostentosos e descontextualizados, que se afastan do seu referente espacial e imaxinario, e unha arquitectura fácil e anodina, cando non pretenciosa e pastichera, deu lugar a paisaxes mediocres e triviais, nun tempo no que a auténtica beleza se busca nos libros de vellas postais, ou a bordo dun avión ou dun barco que nos distancie o suficiente para non sentir as desfeitas da cotidianidade.

10305416_659768437428809_6372508844463403031_n

Falamos tamén de que en Galicia acadáronse unhas condicións de vida impensables ata fai poucas décadas. Pero, fronte a isto, constátase un retroceso cada vez máis evidente na calidade formal e estética do anaco de terra onde medramos e nos desenvolvemos, como se a destrución do medio fose o prezo que debemos pagar para a consecución dese ansiado estado do benestar.

É curioso ver como en moitos lugares, a medida que se destrue a vella arquitectura e se degrada o territorio, van aparecendo libros que mostran fotos do que había, volumes que pronto se converten en best-sellers locais como un estraño xeito de expiación colectiva ou de flaxelante nostalxia.

Algúns xeógrafos e historiadores da arte expuxeron a diferenza entre a paisaxe real, a do noso tempo, e a paisaxe imaxinaria ou arquetípica, que é aquela que añoramos, que permanece nas nosas conciencias, a do imaxinario colectivo, transmitida de xeración en xeración a través da pintura, a fotografía, os libros, a escola, os medios de comunicación.19 cuadrito

Pero esa paisaxe celebrada polos pintores rexionalistas do século XIX e principios do XX, que beberon das fontes do Romanticismo, ou polas ideoloxías que naceron do sentimento galeguista, moitas veces dende a diáspora, que viron na paisaxe o mellor vehículo identitario, ao que tamén contribuíron os escritores do país, e xa máis recentemente o cine e a publicidade, esa paisaxe herdada e compartida, está cada vez máis lonxe da inequívoca realidade.

No lugar dos bosques animados pola maxia e as sombras hai eucaliptais, xunto ao remanso do río hai unha piscina, na costa outrora ondulante e salpicada de sal e area, un paseo de formigón, no mar, un recheo, no val, unha urbanización, no pazo, unha casa rural, na vella vila, outra vila con ínfulas de cidade. E, paradoxalmente, canto máis nos distanciamos desa paisaxe interiorizada máis no aferramos a ela. Coleccionamos fotos antigas, restauramos o piorno e o muíño, imitamos a madeira, amamos a pedra como o amante contrariado que insiste en revivir o que foi pero xa non é.

sobrino_marinPor que ese distanciamento entre o ser amado e o país que vemos (e facemos) cada día? Por que esa contradición entre a realidade física e a realidade virtual? Nunca a paisaxe foi tan rápido e tan radicalmente transformada. E xusto cando a sociedade do benestar nos permite gozar dela, sentir e valorar a súa beleza, máis a torturamos e a embilecemos. Noutrora, as condicións de traballo (e de miseria) deixaban escasa marxe para o romanticismo e o deleite estético. Imaxinan un mariñeiro dos anos 40 pensar en facer unha casa con vistas ao mar? Máis ben todo o contrario. Agora lemos, viaxamos, buscamos paraísos perdidos, e descoidamos o que é noso, o que temos máis preto. Logo refuxiámonos na nostalxia das vellas fotografías, no estereotipo idealizado no papel sepia.

MARQuizais á sabeduría popular que construía territorio e arquitecturas non para o goce estético senón pola necesidade de vivir do medio e transmitilo aos seus fillos nas mellores condicións, á superposición harmónica de estilos nas nosas vilas e cidades, tecidas lentamente ao longo dos séculos, sucedeulle un gusto individual, fragmentario, dunha opulencia banal ao servizo de modas de última hora que non fan outra cousa que deconstruir a paisaxe, cada día máis afastada da mesura e a naturalidade. Quizais, e como suxeriu Xerardo Estevez, a inmanente (e inmensa) beleza do país, impediu que se prestase a debida consideración, como se no noso subconsciente ficase a crenza de que esa beleza é ilimitada e <<a cidade e o campo poden con todo>>. Quizais comecemos a valorala cando realmente sexa un pracer escaso, como acontece con case todas as cousas. A vida non é máis que un enorme paradoxo.

Copia de debate territorial 4