CASAS RECTORAIS NO SALNÉS

Casa rectoral de Leiro_Ribadumia

javi montero/ La Voz de Galicia. Maio de 2014

O ocaso da economía tradicional agraria, máis a consabida falta de vocacións eclesiásticas, propiciou o esmorecemento dunhas construcións vinculadas ao marco relixioso, social e administrativo da parroquia, microcosmos dunha sociedade, a galega, que experimentou fondas transformacións nas últimas décadas.

Se ben na Galicia Atlántica temos asistido a un proceso de <<recuperación>> da arquitectura vernácula, impulsado pola propia demanda da vivenda, fora a través dos herdeiros dos vellos predios, fora pola chegada de urbanitas que viron no rural outro xeito de vida, cos bens da Igrexa a cousa resulta bastante máis complexa.

Con todo, no que se refire á xestión do patrimonio, da decadencia case sempre xorden boas oportunidades ou, alomenos, a posibilidade da redención con respecto aos erros do pasado. Non me preocupa tanto a ruína física como que haxa tempo para a cautela e a reflexión. Que as cousas non se embalen por mor dunha expansión económica que logo, enriba, convértese nunha crise de consecuencias devastadoras.

No Salnés rehabilitouse moito en pouco tempo. Ás veces, semella como se nin sequera nos dese tempo a decatarnos que estamos a tocar cousas moi fráxiles, e que todo o que se reforma con demasiada alegría, pouco coñecemento e escasa sensibilidade se perde para sempre.

Ou que toda a información práctica que atesoura a tradición construtiva en canto á racionalidade e adaptación ao medio, a desbotamos polas presas e a inexperiencia, igual que a posibilidade de implantar anovadores sistemas baseados no aforro enerxético, pedra angular da arquitectura do futuro e unha estratexia de desenvolvemento económico para o país. Miremos, por exemplo, cara os avances no sector da madeira e os seus valores engadidos doutros lugares con recursos similares.

De aí as oportunidades. Superado o tempo dos “museos” baleiros e insostibles, o da sobreoferta de turismo rural, o do pastiche de imitación seudotradicional, ou o do formigón armado para todo, compre encarar novos e imaxinativos retos. No patrimonial, no construtivo, no funcional e no económico. Non é doado pero, para iso, nada mellor que a ruína.

Casa rectoral de Sisán_Ribadumia

DO ESMORECEMENTO DAS CASAS RECTORAIS PODEN XURDIR BOAS OPORTUNIDADES:

  • Tentar adaptalas aos usos vencellados coa parroquia como espazo social e cultural, simbólico e de convivencia ao servizo da comunidade, mediante diversas fórmulas de xestión e colaboración entre a Igrexa e os veciños.

  • Tentar restauralas con rigor e sensibilidade para que sirvan de exemplo de rehabilitación de calidade e de respecto pola arquitectura vernácula e a súa relación co territorio, e como avance na implantación de sistemas construtivos anovadores que melloren a súa funcionalidade e confort sen deixar de costas o moito que nos ensina a nosa tradición arquitectónica.

ENLACES:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2014/05/11/unha-nova-oportunidade/0003_201405A11C2992.htm

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2014/05/11/veintena-casas-rectorales-languidecen-rural-arousano/0003_201405A11C2991.htm

 

ALGÚNS EXEMPLOS: