O DEBATE TERRITORIAL (V). COMO NACEN AS ÁRBORES

Disfrazamos as nosas casas de dourados e pegotes postizos, aditamentos chirriantes, escudos heráldicos, columnas, xambas, pilastras e cornixas falsas, señoriais balautres, molduras delirantes.

Pouco queda daquela arquitectura sinxela e equilibrada, que parecía xurdir da terra coa naturalidade coa que brotaban as árbores, ou da organicidade da vila humilde e sin pretensións…

setembro

javi montero/ La Voz de Galicia. Xuño de 2008

Continuamos esta serie arredor do territorio co desacougo que sentimos na certeza de que se segue a avanzar polo camiño do disperso, nunha ocupación depredadora cuxos efectos económicos e sociais empézanse a sentir cada vez con máis forza. Non abondaremos máis sobre o tema. Quixera rematar esta pequena serie ascendendo á superficie para reflexionar un pouco sobre a arquitectura que vemos cando percorremos a nosa comarca (e tamén o resto de Galicia), sen pretender ser doutrinario, pois nisto, como en case todo, hai poucas verdades absolutas e talibáns xa temos dabondo.

Kate Bland_2Na crónica anterior argumentabamos que o noso xeito de facer territorio semella gravitar entre a abulia dunha arquitectura anodina e reiterativa, sustentada no beneficio rápido duns e na desidia doutros, e a vulgaridade dunha arquitectura que se complace na imitación acrítica e banal daquelas linguaxes que sobreviviron á longa noite do desarrollismo. Entremedias, moitos proxectos públicos, algúns realistas e ben dimensionados, outros, exemplos presuntuosos dun “bonitismo globalizado” que se afasta da lóxica territorial e se despreocupa da racionalización dos recursos e o seu mantemento a longo prazo.

Pouco queda xa daquela arquitectura sinxela e equilibrada, que parecía xurdir da terra coa naturalidade coa que brotaban as árbores, ou da organicidade da vila humilde e sen pretensións, ou daquel estilo burgués fundamentado na calidade duns oficios agora case esquecidos. <<Firmitas, utilitas e venustas (estrutura, utilidade e beleza)>> que dicía Marco Vitrubio no seu famoso tratado <<De Architectura>>. Pouco queda daquelas construcións pensadas para cumprir unhas necesidades concretas, que empregaban os materiais con eficacia e deixaban escasa marxe ao ornato gratuíto.

00002 (2)Mais á claridade da linguaxe tradicional, da que xurde a beleza dun xeito natural, case espontáneo, sucedeulle unha especie de horror vacui que se manifesta na desquiciante mestura de volumes e materiais, nesa apatía que enche a paisaxe de ladrillos, bloques e uralitas, pero tamén na insistente busca dun rusticismo baleiro e edulcorado, caricatura grotesca dun xeito de facer arquitectura que xa ten pouco sentido.

Supoño que, como case todo, tamén a forma de “embelecer” os escenarios da nosa vida está moi influenciada polos flashes dispersos e ondulantes que nos chegan dos medios de comunicación de masas. A lóxica constructiva derivou na opulencia dun gusto que semella buscar as súas referencias nos recetarios kistch das populosas revistas do corazón, pero sen cortar a delgada liña que nos devolve ás nosas raíces, a un pasado que se descoñece ou se rexeita por caduco, se reinventa ou se terxiversa segundo conveña.285772_401555476557812_313331704_n

Das superficies cubertas cos fungos do tempo, do branco da cal salpicado de verdes, azuis, vermellos, grises nas vellas carpinterías, a un catálogo imposible de cores disonantes e relambidas. Da discreción e sutileza ao finximento e os xogos florais. Xa nada é o que parece. Co pvc e o alumiño simulamos o traballo da madeira (as carpinterías cor kk: último eslavón dunha moda incomprensible), coas planchas de pedra industrial imitamos o traballo da cantería (xa nada queda libre do chapeo), disfrazamos as nosas casas –vellas ou novas, pobres ou ricas, de pedra ou de ladrillo- de dourados e pegotes postizos, aditamentos chirriantes, escudos heráldicos, columnas, xambas, pilastras e cornixas falsas, señoriais balautres, molduras delirantes.Todo brilla neste barroquismo incontenible do pastiche.

Pero supoño que sempre hai luz ao final do túnel. De cando en vez tamén na nosa comarca atopamos rehabilitacións que miran ao pasado non como un conxunto de seductores e baleiros tics ornamentais senón como espello dunha arquitectura racional, eficiente e integradora. E tamén neste recuncho de Galicia hai exemplos desa arquitectura que camiña con paso firme polo presente cara o futuro, pero que é consciente que nunca debe deixar de costas o medio no que se implanta e evita petulancias e artificios que a distancien do seu verdadeiro fin e desa relación amable, discrecional e coherente co territorio. <<Firmitas, utilitas et venustas>>, que dicía Marco Vitrubio.

 debate territorial 5. recortado