INFORME URXENTE SOBRE O CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO

DOCUMENTOS +

Portada

PLAN DE ACTUACIÓN EN 10 MEDIDAS PARA CONSERVAR O SEU PATRIMONIO CULTURAL NO HORIZONTE DO 50 ANIVERSARIO DA SÚA DECLARACIÓN COMO CONXUNTO HISTÓRICO (1972-2022)

1000205_489087524502725_336554275_n

 O Informe, que entende existe unha situación crítica do patrimonio cultural de Combarro, ten un afán construtivo. Proba diso son as 10 Medidas que plantea. Presentámolas a continuación para que se difunda o seu coñecemento e para que, si vos parecen oportunas, as apoiedes.

 1ª. Que se leve a cabo unha diagnose rigorosa sobre a situación socioeconómica e patrimonial do Conxunto Histórico de Combarro por parte das administracións públicas galegas. Para isto sería desexable, desde o noso punto de vista, lograr un gran pacto municipal e un compromiso extraordinario dos poderes públicos galegos para a xestión eficaz deste singular Conxunto Histórico de Galicia. Trátase de lograr unha iniciativa conxunta que salvagarde os valores propios do patrimonio cultural de Combarro, hoxe en grave perigo de perda irreversible, e que permita unha resposta satisfactoria, estratéxica, ás esixencias e retos que xera o que hoxe é un espazo turístico sensible, dentro dunha aposta pola excelencia turística e a sustentabilidade do recurso (do capital cultural) que sirve de soporte a esa actividade.

 Nun momento coma este de severas dificultades financeiras para as corporacións municipais, faise máis urxente ca nunca si cabe a actuación coordinada e cooperativa do conxunto das administracións públicas, máis alá da cor política de quen goberna.

 2ª. Esta diagnose debería basearse nunha Enquisa á poboación de Combarro residente no Conxunto Histórico (a área do Plan Especial de Protección e a cualificada como “área de rehabilitación” o 30 de outubro de 2002), que valore a percepción, vivencia e opinión dos seus residentes e dos axentes directamente relacionados co Conxunto (hostaleiros, comerciantes, etc.), as súas necesidades e as súas aspiracións

O que vaia suceder co Conxunto Histórico desde 2014 non ten que ser decisión exclusiva das elites político-administrativas ou dunhas elites intelectuais; ten que ser froito da decisión voluntaria dos directamente afectados, os seus habitantes

 3ª. Revisión do Plan Especial de Protección, …que permita un coñecemento actualizado da situación (uso e conservación) dos espazos e das vivendas do Conxunto Histórico de Combarro, e das súas necesidades en materia de urbanismo e arquitectura tradicional, e que faga posible dar respostas eficaces, actualizadas, aos retos que se derivan do actual perfil socioeconómico de Combarro

 4ª.Creación, para Combarro, dunha Área de Rehabilitación Integral permanente(ou unha figura xurídico administrativa semellante), que permita levar a cabo, cun esquema axeitado, sustentado en prazos fixados con este fin, o programa de conservación-rehabilitación-restitución, que se desprende dos traballos técnicos elaborados pola Xunta de Galicia en 1992-1993: o Plan Piloto de actuacións urbanas urxentes no Conxunto Histórico de Combarro; e o Proxecto básico e de execución de actuacións urbanas urxentes no Conxunto Histórico de Combarro. …. Suxerimos que sexa unha iniciativa sustentada con fondos europeos, do goberno central (a través do 1% cultural), e loxicamente recursos do autonómico e do local, con implicación directa (coxestión) da Corporación Municipal de Poio e da Xunta de Galicia….

 5ª. Plan permanente de conservación e restauración de hórreos, que inclúa a inspección periódica, o asesoramento técnico aos particulares e o establecemento de vías de fomento ou estímulo (subvencións) para a preservación dos hórreos en condicións de calidade construtiva e estética….

 6ª.Programa de reactivación residencial. Fomento do uso residencial das vivendas en ruína ou en proceso de ruína(e mesmo de vivendas deshabitadas). Compra do parque inmobiliario de vivendas en ruína por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Poio, converténdoas en vivendas sociais (en réxime de aluguer a ser posible), seguindo o modelo do que se está a facer dende hai varios anos no barrio antigo de Vigo, a través do Consorcio do Casco Vello de Vigo, levando a cabo obras de rehabilitación modélicas, que sirvan de referencia e exemplo a imitar.

 7ª. Eliminación do tendido aéreo de todo tipo cables en toda a área de protección do Conxunto Histórico Nesta intervención a tres anos habería que incluír a mellora da iluminación do Conxunto Histórico, que debería contemplar o tratamento o máis uniforme posible dos puntos de luz (farolas, etc.).

 8ª. Aplicación, por parte do Concello de Poio, das recomendacións efectuadas no Informe do Seminario de Estudios Carlos Velasco en 2008 de mellora de accesos ao Conxunto Histórico. …

 9ª. Creación, na Corporación municipal de Poio, dunha Concellería dedicada ao Patrimonio Cultural. …

 10ª. Deseño e aplicación dun Plan Piloto de Excelencia Turística (Turismo cultural), …..

É máis, desde esta Asociación A Solaina propoñemos crear, por parte do goberno galego e do Parlamento de Galicia, a marca “Conxuntos Históricos de Galicia. Valor do Patrimonio Cultural de Europa.… En todo caso, nos entendemos que a creación desa marca “Conxuntos Históricos de Galicia” ben puidera formar parte do presente ou dun renovado Plan estratéxico para o fomento do Turismo cultural de Galicia, que teña na súa base estas paisaxes urbanas cualificadas….

O Plan Piloto de Excelencia Turística para o Conxunto Histórico de Combarro podería incluír cando menos os seguintes aspectos:

1) Creación dun Programa sectorial de difusión da cultura popular agrícola-mariñeira e da arquitectura popular da Galicia litoral, que leve consigo a “Posta en marcha do xa creado Museo do Mar (en 1969).…

2) Apertura dunha Oficina de Turismo permanente en Combarro, tamén de acordo co aprobado no Parlamento de Galicia en 1992. 3) Crear unha ruta didáctica sobre “A arquitectura do pan en Combarro” (hórreos, eirados, muíños e fornos). …

4) O fomento do Turismo rural en base ao parque inmobiliario rexenerado ou as vivendas deshabitadas, que inclúa a apertura de liñas específicas de financiamento e subvención das posibles iniciativas de emprendedores particulares. Debería poñerse en funcionamento a partir dun Programa de información/formación a todos aqueles emprendedores ou emprendedoras que manifestaran un previo interese pola iniciativa.

5) Aplicación dalgunhas das interesantes recomendacións feitas polo Seminario de Estudios Socioeconómicos Carlos Velasco en 2008 no informe “Complementariedade comercio, hostalaría e turismo en Combarro….

Trátase, pois, de que as novas actividades izadas ao calor da afluencia turística, sobre todo nos meses de verán, lonxe de contribuír ao deterioro irreversible do ben patrimonial que é o Conxunto Histórico de Combarro, serva para reforzalo como referente da identidade cultural de Galicia e como signo distintivo da que pretendemos sexa unha Galicia excelente.

InformeCombarroP-2014

INFORME COMPLETO A SOLAINA:

http://asolainacombarro.blogspot.com.es/2014/04/informe-urxentesobre-o-conxunto.html

Outros Informes sobre Combarro elaborados pola Asociación A Solaina (1991-2004)

  1. 1991.Informe sobre o Patrimonio Construído do Conxunto Histórico de Combarro. Datos para a súa consideración como obxecto de “expoliación”. Xaneiro 1991. 105 páxinas.

    1. Plan de Medidas para Recuperar o Conxunto Histórico de Combarro, Marzo 1992. 20 páxinas.
    1. Informe al Ministerio de Cultura sobre el Conjunto Histórico de Combarro (Pontevedra). Datos para su consideración como objeto de “expoliación”. 31 de outubro de 1994, 19 páxinas.
    1. Informe sobre o impacto dos coches non Conxunto Histórico de Combarro. 20 de Agosto de 1997. 15 páxinas.
    1. Informe da Asociación A Solaina de Combarro sobre o Proxecto de “Vial de Conexión entre Muelles. Combarro (Pontevedra)”, Promovido por Portos de Galicia. Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, 29 de xaneiro de 1999. 18 páxinas.
    1. Informe da Asociación A Solaina de Combarro sobre a Proposta do Ente Público Portos de Galicia para a Construción dunhas Instalacións Náutico-Deportivas no Porto de Combarro. Agosto 2004. 12 páxinas máis Planos das dúas propostas alternativas da Asociación á de Portos de Galicia.