PONTE PARA O ENTENDEMENTO

Ponte Arnelas_5

javi montero/ LA Voz de Galicia/ Abril de 2007

Puente de MostarMostar 1993. A artillería bosniocroata bombardea a Ponte Vella, levantada sobre o río Neretva en 1556, baixo a dominación do poderoso imperio otomán nos Balcáns. Dez anos despois daquela guerra infame, á que Europa non quixo mirar ata que o sangue empezou a salpicar máis do soportable, constrúese unha réplica exacta da antiga ponte. En inauguración solemne, coa participación dos máis importantes dignatarios da nosa “despistada” Unión, eríxese como símbolo da reconciliación entre os dous pobos, como viaduto para unha nova e renacente concordia.

Aínda que non estou para nada de acordo coas reconstrucións miméticas estilo Disneyland, ás veces as fins xustifican os medios, sobre todo se miramos a historia e o patrimonio como un xeito de entender o presente e mirar cara o futuro.

Ponte para a conciliación, a unión e a concordia. Qué sería do Imperio Romano sen as súas calzadas e pontes, coas que conquistaron o mundo coñecido? En Roma ao construtor de pontes chamóuselle “Pontífex”, ampliando logo o seu significado ao de mediador entre dúas partes contrarias, entre as dúas beiras enfrontadas.

A igrexa católica quixo herdar esta acepción para designar ao seu máis alto dignatario, pois é o papa o mediador entre Deus e os homes, igual que o arco da vella é, para moitísimas culturas, unha ponte natural entre o ceo e a terra, entre o mundo que vemos e as forzas do intanxible.

De calquera xeito, unha ponte é sempre un elemento que une, pero tamén un elemento que posibilita o cambio no estado das cousas, un salto cara unha nova vida e a esperanza nun continuo renacer. Quizáis nisto radica a necesidade de reconstruir a ponte de Mostar, do mesmo xeito que explica algunhas cousas do rito da fecundidade na Ponte dos Padriños, que non vou relatar porque xa o estudou e relatou o erudito arousán Bouza Brei hai xa bastantes anos.

Tempo e testeñuña

2010-05-08_IMG_2010-05-08_23-12-18_aro11fotosTamén Ponte Arnelas ten a súa Historia, as súas guerras e as súas sombras, como case todo neste país. Os historiadores aseguran que xa había unha ponte para salvar o Umia na época da romanización, sendo un paso fundamental no complexo sistema de viais que perduraría ao longo dos séculos. Arredor da ponte, nas dúas marxes do río, foi xurdindo unha pequena vila de labradores e comerciantes que pouco a pouco convertiríase nun concurrido lugar de intercambio económico e cultural.

A ponte pasou por situacións moi diversas. Algúns sitúan aquí a batalla de Pont-Umio contra o exército do Islam, narrada nas Crónicas de Alfonso III como heroico episodio nunha desas cruzadas que hoxe están novamente de actualidade. Sábese que a ponte foi reedificada baixo o patrocinio de Felipe II, por mediación do señor de Fefiñáns, Juan Sarmiento de Valladares, xa que nesta época vila e ponte pertencían a esta xurisdición, tal como sinalou o cronista Vila Fariña. Igrexa xa había alomenos dende o século XVII –habería agora que estudar o que queda do vello edificio- e a romería seica tamén é bastante antiga.

En Ponte Arnelas tamén houbo escola mixta e unha feira de gando e outros produtos de consumo. Foi, pois, dende sempre, lugar de paso obrigado, nó de comunicacións, centro comercial e tamén relixoso, lugar de encontro e romería, un referente ineludible para toda a comarca do Salnés.

O futuro

puente_sobre_rio_umia_01A pobre ponte sufriu diversas reformas para soportar o tráfico rodado, para o que, dende logo, non foi deseñada; transformacións que degradaron notablemente a súa feitura orixinal. Neste sentido, a construción da nova Ponte de Santa Marta pode xogar un papel fundamental. Obviamente construida con metodoloxía moderna, o novo viaduto salva o cauce do río a través dun van central de 60 m. de luz, definido por dous arcos metálicos que, ademáis da evidente función estrutural, confiren dinamismo fronte á horizontalidade da calzada e estilizan a súa silueta. Noutra ocasión quizáis falemos máis polo miudo desta nova obra.

Interésame agora destacar a oportunidade que se presenta para rescatar a vella ponte e a aldea que a acobilla. Imaxino a restauración da ponte, o ensanchamento das beirarrúas, a peonización, a intervención nas marxes do río a través de paseos brandos e pouco invasivos, e a rehabilitación das súas edificacións, humildes, si, pero dun notable interese arquitectónico e ambiental.

Semella que hai moi boas intencións. Iso sí, antes de intervir hai que ser moi rigoroso, é necesario estudar, mirar cara o pasado, e analizar cada unha das súas tipoloxías edificatorias, desentrañar os seus valores e significacións. Senón corremos o risco de caer na mediocridade do parque temático, tan falso como relambido, e perder para sempre a verdadeira arquitectura, esa que debuxa culturas e identidades.

Imaxino tamén o saneamento e recuperación do rio Umia, tan maltratado durante décadas, contaminado, sucio, aínda sendo piar indiscutible da nosa economía, pois por el baixa moita da riqueza da nosa ría. O mesmo río que agora serve de fronteira pero que, como escribín noutra ocasión, ten a entidade e atesoira os suficientes valores para se converter, xunto coa vella ponte, no elemento de cohesión e concordia entre os municipios do Salnés, e en símbolo de entendemento e respecto entre o home, a historia e o seu territorio.

Ponte Arnelas