PAISAXE E ARQUITECTURA NO SALNÉS (I)

04

02

javi montero

As nosas construcións populares emerxen na paisaxe como emerxen as rochas e as árbores, as igrexas e os penedos, os cruceiros dos camiños, os parrais, os valos tamizados polas cores do tempo.

Calquera aproximación que se faga ó estudio das peculiaridades que caracterizan á arquitectura do Salnés, non debe esquecer o coñecemento preciso do medio, entendido este no sentido amplo do termo, isto é, como o conxunto de factores externos que van a determinar a xénese e conformación desta arquitectura.

 Se tentamos facer unha primeira clasificación da arquitectura salinense, poderiamos falar de dous grandes grupos: por unha banda a arquitectura relixiosa, as igrexas, ás que se vencellan outras manifestacións relacionadas co culto como poden ser os cruceiros, a imaxinería relixiosa, ou todo o abano de ritos e costumes englobados no que tradicionalmente se coñece como o patrimonio etnográfico inmaterial; pola outra, teriamos o conxunto das construcións onde se desenvolven aquelas actividades que non son relixiosas, e dicir , a arquitectura na que se vive, na que se traballa, etc.

Esta clasificación excesivamente global obedece ó feito de que no medio rural non se pode facer unha diferenciación clara entre os espazos residenciais e os espazos produtivos, xa que as construccións onde se desenvolven as distintas actividades do home están íntimamente ligadas entre sí.

 A casa rural

Moitos autores coincidiron en sinalar que a casa rural galega está formada polo núcleo central -a vivenda propiamente dita-, as coñecidas como construcións adxetivas, auxiliares ou complementarias –hórreos, pendellos, alpendres…-, e as terras de cultivo. Aínda que habería algúns aspectos que puntualizar, esta definición xeral pódese aplicar ós tres tipos de vivendas que atopamos no rural do salnés: a casa-vivenda, a casa grande ou casarón, que se diferenza da anterior en que posúe un maior nivel económico e, polo tanto, mellores terras e construcións máis grandes e mellor dotadas, e o pazo, do que atopamos destacables exemplos na comarca.

 O Hábitat

Liñas arriba, nos referimos ó medio xeográfico como o principal condicionante da nosa arquitectura. En efecto, estamos ante unhas construcións profundamente enraizadas na terra, que xorden como resposta a unhas necesidades concretas, as derivadas dunha economía agraria, que están fortemente condicionadas por factores como os climáticos ou o tipo de solo, pero tamén por factores relixiosos e culturais, e que nos seus grosos muros encerran séculos de ensaios e experiencias que se transmitiron de xeración en xeración ata os nosos días. Neste sentido, Pedro del Llano sinala como dende sempre “o campesiño elixiu o emprazamento da súa morada en función dunhas condicións básicas para o desenvolvemento da súa actividade agrícola, é dicir: un emprazamento provisto de auga, abrigado dos ventos, ben asollado, e cunha situación respecto das súas terras que lle permitise a súa fácil vixilancia e explotación” (P. de Llano, 1996, p. 43).

 A economía

06A economía tradicional galega caracterízase por un sistema de explotación mixta agrícola-gandeira, na que prima o minifundio e a diversificación de cultivos, e na que unha parte importante do produto destínase ó autoabastecemento. O home depende da terra para subsistir e construirá e ordenará a súa casa e o seu entorno en función dese medio de vida: no conxunto edilicio adicará unhas estancias para o seu descanso, que ocuparán pouco máis espazo cas dependencias destinadas ós animais, que non só suministrarán leite, carne e ovos, senón tamén, no caso do gando bovino, servirán como forza de traballo, e tamén como produtores de abono natural.

 Xunto ás áreas de produción estarán as áreas de almacenamento: no hórreo gardará o millo e outros cereais, no alpendre ou no palleiro, o carro, a herba e a palla; e tamén as de transformación: na adega fará o viño, e do muíño (comunal ou privado) extraerá a fariña para cocer o pan no forno situado a carón da lareira, onde se cociña para toda a familia.

 Esta explicación da vida do labrego nos serve para ver cómo o sistema económico baseado na producción-consumo familiar constitúe o factor fundamental da arquitectura rural salinense. O home constrúe para satisfacer unhas funcións, para dar resposta a unhas necesidades cos medios dos que dispón, cos recursos – e tamén limitacións- que lle ofrece a natureza. E aquí e onde atopamos outro conxunto de condicionantes: os derivados do medio físico.

 O medio físico

Dende o principio dos tempos, para construír a súa morada o home tivo que ter moi en conta as condicións climatolóxicas do lugar. O seu emprazamento, por exemplo, dependerá dos ventos dominantes, ós que presenta uns muros pechados e ben illados, mentres que se abre ó mediodía por medio de fiestras, galerías ou solainas, para obter un aproveitamento óptimo do sol.09

O home non procurou máis que dar solucións arquitectónicas ás condicións climáticashumidade, ventilación, temperatura, etc.- cos medios dos que dispón, empregando os materiais que ten preto e que coñece ben, para obter un espazo habitacional e produtivo perfectamente equilibrado e adaptado ó seu entorno.

 Granito máis madeira

O granito e a madeira son os materiais que definen a nosa arquitectura. O granito de boa calidade, eterno, que aflora impetuoso no noso chan, permite a construción de grosos muros de cachotería ou excelentes traballos de cantería nos nosos patíns, solainas, hórreos, etc.

Os bosques, outrora de carballos e castiñeiros, proporcionan a madeira para as trabes, pisos, portas, fiestras, e para a armazón sobre o que asenta a cubrición de tellas fabricadas nas telleiras arousáns.

A pedra convive coa madeira en perfecta simbiose. O home chegou a un coñecemento preciso das propiedades e do comportamento destes materiais que empregou sabiamente para modificar o seu medio, para dominar a natureza no que podía e adaptarse a ela cando non era quen de conter as súas forzas. Por iso se fala dunha arquitectura racional, da relación tan estreita entre construción e función, entre forma, uso, medios e materiais, e da súa humildade perante a natureza coa que coopera e na que se integra e se funde.

As nosas construcións populares emerxen na paisaxe como emerxen as rochas e as árbores, as igrexas e os penedos, os cruceiros dos camiños, os parrais, os valos tamizados polas cores do tempo.

PORTADA II

Necesidade estética

Máis, ese carácter funcional non evita a necesidade estética, a orixinalidade creativa que non só se manifesta nesa feliz harmonía co entorno, senón tamén nos coidados traballos de cantería, nos encintados de graciosas xeometrías, nas formas caprichosas dos hórreos e dos pombais, nas paredes encaladas e pintadas, nas vivas cores das carpinterías… Todo un conxunto de orixinalidades e linguaxes persoais que hoxe, lamentablemente, están a desaparecer.10