GALICIA. FEÍSMO VS XESTIÓN E COÑECEMENTO

10305416_659768437428809_6372508844463403031_n

 javi montero/ La Voz de Galicia. Nov. 2014

Desde que comecei a escribir sobre o territorio alá polo 2005, non fixo máis que se afianzar no léxico do común, pero xa daquela advertiamos que iso do feísmo era un termo bastante laxo, simplificador e ata deshonesto, porque hai moitos máis feísmos que os que ilustran os albumes de fotos de chapuzas, e os problemas ían moito máis aló do puramente estético.

O galpón infraconstruido, as casas sen rematar, o vello somier pechando a leira, sonche versións ben visibles, cómicas e delirantes as veces, pero comprensibles e ata reversibles, alomenos en moitos casos.

Laura MexiaCoido que detrás, ademais da reciclaxe hai moito de improvisación e, se cadra, descoñecemento e bastante mal gusto. Pero non acaba aquí o problema, senón que a cousa é moito máis complexa e atinxe a moi diversas causas sociolóxicas, económicas, e ata políticas; nas formas de entender e de facer país. Non hai peor feísmo que o de rechear o mar.

Unha rápida ollada para calquera das nosas vilas e cidades denota que moitas cousas non están a funcionar como debían, que numerosas desfeitas son consecuencia directa dos plans urbanísticos, ou incluso da falta de consenso entre as distintas administracións, ou do simple día a día na xestión do público, onde tamén existe improvisación, escasa reflexión e descoñecemento, aínda que se queira cargar as tintas contra o paisano do somier.

Por iso a min gústame falar de xestión (incluída a formación). Non chega coas necesarias leis e normativas, nin con preámbulos de boas intencións, nin sequera cos bos exemplos de arquitectura e de urbanismo que tamén temos en Galicia, senón que se trata dun proxecto global e común de país. E este, lonxe de extravíos nos labirintos da burocracia, debe materializarse en modelos e prácticas eficaces de xestión, que consigan que a sociedade se sinta depositaria e garante duns valores, e dende logo beneficiaria dos recursos sociais e económicos do territorio.

Creo sinceramente que se o coñecemento e valoración da paisaxe, o patrimonio e a historia da arte formase parte da educación integral dos cidadáns, máis a demostración que somos quen de xestionar ben e rentabilizar os recursos con criterios de sustentabilidade, acabariamos con grande parte do noso enraizado feísmo.

Giacomo Costa - Post Natural

Foto: Giacomo Costa.

Anterior: Laura Mexía